Fundación Xavier Pousa

Actividades > Axenda de actividades

Exposición: A Guarda, as paisaxes de Pousa

Dende o 24 de xullo de 2011 ata o 21 de agosto de 2011
A exposición organizada polo concello de a Guarda coa colaboración da Fundación Xavier Pousa fai un percorrido polas paisaxes da vila mariñeira desde os anos 1950 ata o ano 2000.
Descubrir A Guarda dende os anos cincuenta ata o 2000 a través dos ollos do pintor Xavier Pousa, é a proposta do concello da Guarda na exposición A Guarda, as paisaxes de Pousa. 
 
Trinta e sete obras do artista de Goián, que nos levan a percorrer a vida cotiá da vila mariñeira, a través de pequenos detalles, das xentes, as pedras, as cores, a luz....
Un camiño de cincuenta anos no que a historia volve a nós como a infancia, prendida nun barco de vela, no portabultos dunha bicicleta, nun solpor na Foz do Miño, no son dunha onda de inverno. A Guarda nos ollos de Pousa, o Baixo Miño, as forzas encontradas na Barra, río e mar, a vila en calma, o porto a bulir, e sempre o mar e Portugal.
 
Paisaxes que falan das vivencias do pintor no seu entorno, da súa forma lene de mirar, da súa calma no percorrido diario, de todos os veráns pasados na Guarda, cincuenta anos coa familia e amigos, de cercanía, de tertulias, da calma que atopou mirando a néboa levantarse no esteiro pola mañá e rematando a tarde pintando o Miño nun lenzo inacabado. Esa é a exposición.

Catálogo da exposición
<< Ver anterior actividade        Listado de actividades        
 
Fundación Xavier Pousa © 2024. Todos os dereitos reservados.