Fundaciуn Xavier Pousa

A pintura de Xavier Pousa

As claves da pintura de Xavier Pousa
Para poder entender a pintura de Xavier Pousa debemos ter en conta unha serie de circunstancias que contribuíron a forxar o seu estilo artístico. O seu primeiro contacto coa pintura, os estudos de Belas Artes en Madrid, a aposta polas correntes realistas e a súa implicación no ambiente cultural galego, marcan o camiño da súa obra na que desde o comezo apostou pola figuración coa firme intención de non perder o vínculo coa realidade, opción que se traduce nunha obra humanizada e en constante dialogo coa natureza e co seu entorno persoal. As primeiras leccións da man de Antonio Fernández deixan unha pegada indeleble na súa maneira de pintar, que asume con rapidez aquel naturalismo e devoción pola representación “verdadeira”. Ter un primeiro mestre excepcional, proporciónalle unha base sólida na que apoia o inicio da súa carreira artística e explica o dominio do debuxo e a seguridade coa que se enfronta a cada nova composición. Na súa obra dos anos corenta está pois claramente presente a pintura de Antonio Fernández, polo que Pousa sempre sentiu unha gran admiración e a quen non cesou de homenaxear durante toda a súa carreira artística. É en clave de recoñecemento e admiración ao seu mestre como debemos interpretar certos guiños á pintura de Antonio Fernández que se producen en etapas posteriores, sen pretender nunca imitar o estilo do mestre, senón adaptándoo ao discurso da súa obra persoal.
 
En Madrid, onde trasládase para estudar Belas Artes, coñece a Sotomayor durante as súas visitas ao Museo do Prado e o contacto con este pintor reflíctese en obras como Carmiña ou Rosquilleira (1951). Pero o feito que máis vai influír no seu estilo é o impacto que lle produce a pintura da Escola de Madrid; unha pintura figurativa, non académica, que reinterpreta a realidade coa intención de transmitir os elementos esenciais e fuxindo dos tópicos. Estes artistas trataron os temas tradicionais, retratos, bodegóns e paisaxes, tomando como base os elementos construtivos do cubismo e o cromatismo fauve, baixo a influencia de Benjamín Palencia, centrada na paisaxe castelán, e os ensinos de Vázquez Díaz, defensor das formas estruturadas e do debuxo rigoroso. A partir desta nova visión, Pousa desenvolve o estilo que marcará a súa obra. É entón cando comeza a abordar unha pintura marcada pola sobriedade compositiva, desposuída de elementos anecdóticos e centrada en describir a esencia da paisaxe coa forza da cor e as formas simplificadas e estruturadas. Esta acertada elección avalada coa pensión de paisaxe do Paular, en 1955, que lle proporciona a oportunidade de investigar na liña elixida durante esa estancia como bolseiro en Segovia, afianza o seu compromiso cunha pintura figurativa non académica, caracterizada polas transgresións cromáticas e o sentido construtivo do debuxo. Durante os anos cincuenta a maior parte da súa obra céntrase case exclusivamente na paisaxe, o urbano coas súas construcións estruturadas baixo o influxo poscubista, como Praza de santo Domingo, e o rural onde emprega un colorido vivo e afánase por describir as pegadas do home na paisaxe a través dos campos de cultivo ou a compartimentación do espazo. Deste xeito transcribe a paisaxe galega cunha visión nova, afastada do costumismo e academicismo imperante, do mesmo xeito que os pintores da Escola de Madrid abordan a paisaxe castelán. A estética da Escola de Madrid é pois unha clave fundamental para entender e interpretar a obra de Xavier Pousa e, do mesmo xeito que aquel grupo, non se cinguiu exclusivamente ás paisaxes, senón que tamén aborda retratos e bodegóns que seguen os mesmos principios. Cadros como o Retrato de Clara ou Flores de Eucalpito (1954) mostran o seu interese por centrarse no fundamental do tema a través da intensidade da cor e a sobriedade compositiva, marcando o punto de inflexión na súa obra. Atrás quedan as composicións máis académicas e descritivas para buscar cada vez máis as liñas esenciais do tema. Segundo avanza a súa produción e afianza o seu estilo, afástase do seguimento fiel ás pautas da Escola de Madrid e, integrado no seu tempo, interésase polas correntes neofigurativas, que xorden na década dos sesenta como reacción ao informalismo, á súa vez consecuencia do realismo máxico xurdido entorno á obra de Antonio López no Madrid dos cincuenta e ao realismo intimista da Escola sevillana, protagonizado polos obxectos. O cambio afecta máis aos bodegóns e retratos que ás paisaxes e comeza a manifestarse nalgúns retratos a lapis dos sesenta, pero non fragua realmente na súa produción ata os setenta, cando comeza a mostrarnos obxectos da seu entorno cotiá e a relación que se establece entre estes e o artista, coa intención de transmitir a intimidade do seu entorno a través daqueles aveños que forman parte da vida do pintor. En definitiva trátase de enaltecer obxectos comúns ou intranscendentes, aqueles cos que mantén unha especial relación ata tal punto que se dá a coñecer neles. Froitos, cestas con froitos, xarras e floreiros con flores ou sen elas son dignificados no lenzo e presentados dun modo sinxelo pero cargado de sentimento. Esta transposición emocional é a que carga de contido a obra e a que recibe o espectador. Esa liña intimista acentúase co paso do tempo sendo máis intensa nos oitenta e noventa, mentres mantén nas paisaxes as claves anteriormente citadas.
 
Pero sería falso interpretar a pintura de Pousa vinculada exclusivamente a movementos ou escolas alleas á arte galega, do que nunca mostrou a intención de desligarse. Por iso é esencial mencionar o coñecemento que Pousa posúe dos pintores do movemento renovador da arte galega, protagonistas da arte de preguerra, e como todos os artistas que comezan a súa carreira na posguerra, recorre a eles para establecer o vínculo de unión coa escola galega de pintura; tanto Colmeiro, como Souto ou Frau deixan a súa influencia na obra de Pousa. Con todo, non é este vínculo o máis destacado da súa implicación na pintura galega, senón o compromiso que contrae coa incipiente vangarda galega ao seu regreso de Madrid. Seguindo os rumbos da arte dos sesenta, caracterizado pola formación de grupos artísticos que utilizan a arte como medio de transmisión de ideas e instrumento para cambiar a sociedade, xorden, no entón precario escenario da arte galega, grupos de carácter reivindicativo vinculados ao realismo social, cos que Pousa se implica desde o primeiro momento. Así durante a súa estancia ourensá vincúlase ao grupo “7 artistas Galegos”, consecuencia do Volter, e en Vigo, asiduo da tertulia do Eligio, funda con outros compañeiros “A estampa popular galega” cuxa finalidade era a democratización da arte e a innovación dunha linguaxe plástica que fixese rexurdir unha identidade galega. Esta implicación artística explica obras expresionistas dos sesenta e os setenta, como Reo (1968), a serie dos monotipos e as composicións centradas no tema do Entroido. Estas últimas tamén relacionadas coa obra de pintores como Luís García-Ochoa, circunscrito á corrente expresionista da Escola de Madrid, e coa tradición da pintura galega, xa citada, de artistas como Laxeiro ou Souto. Na mesma liña de compromiso coa arte e a sociedade, foi un dos promotores das “Exposicións ao aire libre da praza da Princesa” de Vigo, xurdidas en 1968 e continuadas durante os anos setenta para achegar a arte ao publico sacándoo á rúa e que constituíron o xerme de “Atlántica”.
 
En conclusión podemos afirmar que, fiel ao seu principio de non romper o contacto coa realidade, soubo adaptar en cada momento as diferentes vías do realismo ao seu discurso persoal.
 
Beatriz de San Ildefonso Rodríguez
Conservadora do Museo de Pontevedra
 
 
Fundación Xavier Pousa © 2024. Todos os dereitos reservados.