Fundación Xavier Pousa

Biografía > 1961-1970

  1962Expón por primeira vez en Ourense onde fixa a súa residencia durante uns anos. Nesta cidade formará parte, xunto con Buciños, Xose Luis de Dios, Acisclo Manzano, Xaime Quesada, Virxilio e Arturo Baltar, do grupo “Os Artistiñas", vinculado con Vicente Risco e Otero Pedrayo.  
 
  1963Inicia unha serie de debuxos a carbón co tema de nocturnos nas vellas cidades galegas e expón de novo na cidade de Ourense, onde coñece a súa futura muller, Carmela.  
 
  1964Volve a realizar unha exposición na Sala Foto-Club de Vigo e é cando coñece nesta cidade ao ao pintor Arturo Souto.  
 
  1965Co grupo “7 Artistas Galegos” realiza exposicións en Santander e en Vigo.

Participa na Mostra de Arte Galego no antigo Hospital de Santa Cruz de Barcelona xunto con Xaime Quesada, Xosé Luís de Díos, Virxilio Fernández, Alberto Datas, Raimundo Patiño, Enrique Ortiz, Buciños e Acisclo Manzano.
 
 
  1966Expón na galería Toisón de Madrid con Xosé Luís de Díos, Xaime Quesada, Sevillano, Trabazo e Virxilio.

En colaboración con parte dos artistas deste grupo ourensán realiza o encargo de decorar coas súas pinturas o Hotel Mindanao de Madrid e algúns Paradores de Turismo.

Con varios membros deste mesmo grupo realiza unha viaxe arredor do Mediterráneo, regresando de novo a Italia e coñecendo Grecia, Turquía, Siria, Líbano, Exipto, chegando ata a presa de Assuan, entón en construción. Nesta viaxe entraron en contacto co berce da civilización: as culturas exipcia, mesopotámica, cretense, grega, asiria, caldea, etc. onde puideron comprobar cos seus ollos que “as ruínas de Palmira” eran unha realidade e non unha lenda da cultura galega.
 
 
  1967Volta a residir en Madrid no seu estudo a pesar de seguir viaxando a Goián constantemente.

Realiza unha exposición na Galería Toisón de Madrid.
 
  1968Cásase con Carmela e nace a súa primeira filla, Zara.

Nesas datas funda con outros compañeiros a “Estampa Popular Galega”, mostra itinerante que tiña por obxecto acercar a arte ao pobo e dar a coñecer aos pintores e gravadores galegos. Despois da súa exhibición en Santiago, Parga, Monforte de Lemos, Vigo, A Guarda e Tui, remata este proxecto por non ser do agrado da brigada político-social.

Participa e colabora na organización da exposición ao aire libre da praza da Princesa en Vigo, que se desenvolverá asiduamente a partir deste ano.
 
1969Fixa a súa residencia en Vigo.

Segue realizando mostras individuais e participando en exposicións colectivas en toda Galicia e noutras cidades de España.

Neste ano pinta o mural “O Dardalleito”.
 
 
  1970Realiza unha exposición individual na Sala Macarrón de Madrid e expón por primeira vez na Caixa de Aforros de Vigo (hoxe Caixanova), na que se exhibe “Procesión de San Campio”, cadro adquirido polo Museo Quiñones de León de Vigo. A partir desta data exporá periodicamente nas salas desta institución.

Ademais este mesmo ano leva o seu arte a Sitges á Galería de Arte Babaroni.
 
 


DESCARGAR BIOGRAFÍA


 
Fundación Xavier Pousa © 2018. Todos os dereitos reservados.